A portavoz municipal de CA, María Rozas, explicou que “o único que lle estamos a pedir á Xunta é que asuma as súas competencias”. Nese sentido, lamentou que “teñamos que seguirlle lembrando ao Goberno galego unha obviedade: que o Complexo Universitario de Santiago é un equipamento sanitario de ámbito supramunicipal, que o centro de protonterapia será o centro de referencia para toda Galicia e mesmo para todo o noroeste peninsular, e que o Concello de Santiago non pode asumir os custos que esas dotacións van supoñer en canto á mobilidade e o aparcamento”.
A concelleira de Compostela Aberta reiterou que o CHUS dálle servizo a 46 concellos que suman unha poboación de máis de 450.000 persoas, e Santiago representa o 22% desa cifra, “unha porcentaxe que marca a diferenza con respecto a outras cidades e outros equipamentos sanitarios”. María Rozas insistiu en que “o Concello ofrécelle á Xunta toda a colaboración, pero sen esquecer que o recinto do CHUS é propiedade do SERGAS e a xestión da mobilidade no seu interior correspóndelle á administración autonómica”. Nesa liña, tamén lembrou que “falamos dunha colaboración que se traduce en cartos, porque lle temos cedida á Xunta unha parcela cun valor de mercado de seis millóns de euros, e aprobados beneficios fiscais por preto de dous millóns”.
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG-PSOE, Gonzalo Muíños, amosouse especialmente crítico coa actitude de Borja Verea, a quen acusou de estar instalado na “autocomplacencia e na defensa do seu partido”, afeándolle que coa súa actitude “esquécese de que se presentou ás municipais para representar a Santiago e non para ser o portavoz da Xunta”. O edil socialista acusou a Verea de “deslealdade cos contribuíntes de Santiago” porque “se por el fose, estarían financiando un aparcadoiro que usaría media Galicia”. Recorda que o CHUS dá servizo a 46 concellos, incluso fóra da provincia de A Coruña, polo que insiste en que se trata dun equipamento supramunicipal que, ademais, queren situar nunha parcela da exclusiva propiedade da Xunta: “hoxe o Grupo Socialista ponse do lado das veciñas e veciños de Santiago, nunha fronte común para defender os seus intereses e para instar á Xunta a cumprir coa nosa cidade” asegurou o seu portavoz que, recalcou, “o que estamos pedindo é un trato igual ao das demais cidades”.