Nun dos personaxes máis potentes da novela, Merceditas, Solar retrata precisamente esa xeración de maiores rebeldes que se resisten a desaparecer socialmente. “Merceditas é unha muller moi lonxeva e moi rebelde”, explicou. “Ela di que pena que a rebeldía sexa masculina e a lonxevidade feminina, porque os homes da súa cuadrilla van morrendo”.
A novela tamén funciona como unha mirada desde dentro ao mundo audiovisual, un ámbito que a autora coñece ben tanto pola súa traxectoria profesional na CRTVG como pola experiencia da súa parella, vinculada á produción de series. “Son equipos con traballos durísimos. Sempre nómades. Aféctalles á familia, ás relacións persoais, aos fillos”, relatou. A escritora aproveita a ficción para revelar detalles descoñecidos das rodaxes e desmontar a aparencia de glamour permanente que rodea ás series de televisión.
Ferrol convértese ademais nun escenario fundamental da historia. María Solar reivindicou a cidade como espazo literario e emocional: “Parece que as cousas teñen que pasar nun lugar grande para seren internacionais, e non é así”. A autora lembrou mesmo a fascinación do actor Javier Cámara pola cidade naval e insistiu en que “a vida e os sentimentos pasan en Ferrol e son absolutamente cribles”.
Durante a conversa tamén houbo espazo para falar da súa faceta como escritora de literatura infantil e xuvenil, un ámbito no que leva publicados máis dunha quincena de títulos. Solar mostrouse especialmente crítica coa idea de considerar a literatura para adultos como “un salto”. “Non é mellor nin peor. É diferente”, defendeu. “Eu quedaría igual de realizada escribindo só infantil e xuvenil”.
A autora reivindicou ademais o valor da cultura galega e o momento creativo que vive Galicia. “Perdemos o medo ao mundo”, afirmou. “Hai moitísima xente facendo cousas impresionantes”. Desde a música ata as series, pasando pola literatura ou os proxectos audiovisuais, Solar considera que Galicia vive “un momento cultural moi importante”.