A cerimonia contou coa presenza do alcalde, do homenaxeado, da presidenta da Asociación Cultural Banda de Música de Arca, Antía Cores, do director da banda, Andrés Pérez, así como de numerosos veciños e membros da comunidade local. Durante o evento, o alcalde Taboada destacou a importancia destas novas instalacións para fomentar o amor pola música entre a mocidade do Pino e a comarca.
O Pino rendeu así tributo a Manolo de Marcos, unha figura clave na Banda de Arca desde 1970. Nado en setembro de 1933 no Concello de Oroso, «O Padriño» comezou a súa carreira musical na Banda da Grabanxa, onde, tal e como recorda Manolo, os músicos acudían ás actuacións andando e co instrumento ao lombo, percorrendo o traxecto de ida e volta e actuando de pé xa que non había cadeiras. Aínda así, recoñece que «pagaba a pena». A súa paixón pola música foi inspirada polo seu pai, quen lle ensinou a profesión de músico, aínda que tamén se formou académicamente. Máis tarde, Manolo pasou polas Bandas de Senra e Arzúa antes de unirse á de Arca. Alén da súa habilidade como músico, Barreiro destacou pola súa dedicación á incorporación de novos membros á banda, incluíndo fillos e veciños, e mesmo chegou a dirixir en ocasións baixo a batuta de varios directores.
En recoñecemento ao seu legado, o alcalde Taboada anunciou que o novo centro cultural levará o nome de Casa da Música Manuel Barreiro Mosquera, perpetuando así a súa influencia na historia cultural do Pino e reafirmando o compromiso municipal coa música e a formación de novos talentos.