Segundo tramo da Vía Verde
Tamén se aprobou a formalización dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña para a execución das obras do proxecto construtivo da «Vía Verde-Santiago de Compostela-Tramo 2». En virtude deste convenio encoméndaselle ao ente provincial a execución do proxecto de obra, que conta cun orzamento previsto de 1.023.407,8 euros dos cales o Concello achegará 144.981,56 euros.
Este segundo tramo conta cunha lonxitude total a acondicionar de 8.015 metros no tramo comprendido entre un camiño veciñal situado no punto quilométrico 2,165 que corresponde ao final do tramo 1, e a ponte sobre o río Tambre, no punto quilométrico 10,180. Todo este tramo 2 transcorre íntegro polo concello de Santiago.
Neste tramo, a Vía Verde atravesa o túnel de Reconco, de 390 m de lonxitude, que se atopa en bo estado estrutural, aínda que presenta algúns problemas no recubrimento e filtracións con pingadas localizadas. Tamén atravesa dúas pontes, o viaducto de Reconco sobre o regato Sionlla, no quilómetro 3,633, de 109 m de lonxitude; e o viaducto sobre o río Tambre, no quilómetro 10,135, de 93 m de longo.
Entre as actuacións que se van realizar figura o acondicionamento do acceso á estación de Verdía, no punto quilométrico 4,90, coa adecuación dunha área de descanso, no quilómetro 5, na que se proxecta a instalación de equipamento como bancos, mesas, aparcabicis, e unha estación de recarga para bicicletas eléctricas.