“La vida no es un juego”: Champi Muros anuncia en Radio Líder a publicación dun libro en novembro
Líder Redacción
20 de octubre de 2025 a las 21:47
-
O coñecido creador de contido galego Champi Muros anunciou o seu libro autobiográfico durante a entrega dun patinete eléctrico a unha seguidora de Forvigal, nun acto celebrado nas modernas instalacións de Seguridade A1 e retransmitido por Radio Líder Santiago.
Un patinete eléctrico, moito humor e compromiso co futuro marcaron a entrega do premio do último sorteo promovido por Forvigal – Formación Vial Gallega nas súas redes sociais. O evento, que se celebrou nas modernas instalacións de Seguridade A1 no Polígono do Tambre, contou coa presenza de responsables das dúas empresas e do influencer galego Champi Muros, e foi retransmitido en directo por Radio Líder Santiago.
A gañadora, Lidia Carro, veciña de Pastoriza (Arteixo), expresou a súa emoción: “O patinete vai ser moi útil para ir traballar e así tamén coñecín Forvigal, que non sabía que ofrecía cursos de recuperación de puntos”. Asegurou que participou no sorteo seguindo a Champi, e que etiquetou a moita xente “porque tamén é unha forma de que coñezan a empresa”.
Pola súa banda, Susana Otero, responsable de Forvigal, explicou que o obxectivo do sorteo era premiar aos seus seguidores: “As nosas redes están que botan fume, e isto é unha forma de agradecerlle á xente que nos segue e participa. Agora estamos regalando tamén a nova luz V16 nos cursos de recuperación, que será obrigatoria dende xaneiro do 2026”.
Verónica Iglesias, representante de Seguridade A1, destacou a evolución da empresa: “Somos a empresa galega de seguridade privada máis importante, e a primeira en ter unha central receptora propia. Apostamos sempre pola tecnoloxía e por crear espazos agradables de traballo: temos ximnasio, zona de lecer, auditorio… Traballar aquí é un luxo”.
O momento máis persoal chegou da man de Champi Muros, que revelou que está a piques de publicar un libro autobiográfico: “Vai chamarse La vida no es un juego, e conta como foi e como está sendo a miña loita contra a adicción ao xogo. É un cambio moi grande a nivel persoal e profesional, e creo que vai axudar a moita xente a entenderme mellor”.
Sobre a súa relación co mundo da seguridade, confesou entre risas: “Traballei de comercial no sector… pero non foi moi ben. Iso si, flipo coas instalacións de Seguridade A1. Se hai que fichar aquí, fíchase”.



