Neste sentido, o xurado subliña que o proxecto “garante a conservación dos valores culturais da catedral no seu conxunto, incluídas as cubertas”, que forman parte do itinerario de visitas e gozan da máxima protección como Ben de Interese Cultural.
Viabilidade técnica, económica e sostibilidade
No plano técnico e económico, o xurado concluíu que a proposta é “tecnicamente moi completa”, destacando a precisión nos cálculos, os niveis de iluminación e as temperaturas de cor, consideradas “ben elixidas”.
A utilización de luminarias de diferentes marcas comerciais foi tamén avaliada positivamente, xa que “favorece a sostibilidade económica da proposta e incluso o seu mantemento a longo prazo”. O orzamento presentado inclúe todas as fases da intervención —desmontaxe, instalación e probas— e considérase axustado e viable, permitindo “garantir a calidade da execución”.
No ámbito ambiental, a proposta articúlase arredor do criterio de “integración e mínima intervención”, cun control preciso dos feixes de luz, destinado a evitar deslumbramentos e reducir a contaminación lumínica, preservando a escuridade desexada do firmamento e da paisaxe nocturna. O xurado salienta que o proxecto cuantifica un aforro enerxético aproximado do 68 % respecto ao consumo actual, actuando, ademais, en edificios que carecían até agora de iluminación ornamental.
Alta calidade e adecuación dos proxectos finalistas
Xunto coa proposta gañadora, o xurado salientou a calidade dos outros dous anteproxectos finalistas. Neste sentido, “Shh… See the silence” —correspondente ao estudo finés Valoa Design— foi valorado pola súa coherencia conceptual e polo uso da luz e da penumbra acorde coa atmosfera espiritual do ámbito e, “Ad Maiora Semper” (lema de detrás do cal estaba un equipo encabezado por Pietro Maria Castiglione, a.k.a Piero), resultou recoñecido, entre outros aspectos, polo seu exhaustivo traballo de análise histórica e urbana e o alto grao de desenvolvemento da proposta técnica e económica.
No marco do Plan de Sostibilidade Turística de Santiago