Agora, a través de dita actuación executouse un corredor de lanzamento de xavelina e dun círculo de lanzamento de peso, cos seus correspondentes sectores de caída. O corredor de lanzamento de xavelina construíuse de xeito paralelo á gaiola de lanzamento de disco/martelo existente, de forma que os sectores de caída dunha e outra disciplina poden ser compartidos. Dito corredor está composto por un corredor de lanzamento, arco límite e sector de caída da xavelina.
O círculo de lanzamento de peso dispón dun sector de caída do artefacto con pavimento de arena e sub-base drenante, delimitando dito sector con borde de formigón prefabricado. Ademais, executáronse gabias drenantes en forma de espiña de pez que garanten unha drenaxe eficaz do terreo de xogo.
A través desta actuación tamén se realizou unha mellora dos accesos e dos vestiarios da instalación. Ademais, colocouse un novo portal metálico de porta corredoira para acceder a ditas instalacións. O pavimento dos accesos executouse con formigón e tamén se realizaron traballos de mantemento no soportal exterior existente e nun dos locais de almacenaxe de material deportivo.
Ames Atletismo
David García, do club Ames Atletismo, explicou que “este é un paso adiante moi importante para o atletismo no concello, que nos facilitará sobre todo os adestramentos. É o primeiro centro de lanzamentos de Galicia, e o seguinte paso será contar cun centro de tecnificación e converter esta pista nun centro para competicións de lanzamento a nivel galego. Nós levamos cinco anos adestrando nestas instalacións, pero agora con esta reforma queda un espazo espectacular. Agardamos que no futuro se poida executar unha segunda fase par ampliar estas instalacións”.
“No Ames Atletismo temos 116 licenzas federativas. Se incluímos as actividades que impartimos nos centros educativos sumamos máis de 150 rapaces e rapazas facendo atletismo dentro do noso club. Dispoñemos de categorías dende sub 8 ata sub 23 e máster. O que nos dá máis satisfacción é que de sub 14 para diante temos atletas en todas as disciplinas do atletismo, iso para o noso club é un orgullo”.
Club de atletismo MillaRaio
Por outra banda, Joao Fernández, do club de atletismo Millaraio, dixo “dende o MillaRaio levamos moito anos agardando por esta actuación e por fin agora temos unhas instalacións axeitadas para a práctica do atletismo. Están pensadas principalmente para as disciplinas de lanzamento, pero dispón tamén de instalacións que se poden aproveitar para realizar adestramentos de forma xeral. As instalacións que temos na comarca son moi limitadas, polo que agardamos poder empregar este espazo”.