O obxectivo é crear un espazo que permita ampliar empresas existentes e atraer novos proxectos industriais. A situación xeográfica do municipio, preto de Santiago, converte a Estrada nun enclave estratéxico.

“Atendo veciños os 365 días do ano”
Louzao mantén unha política de portas abertas. Atende presencial e telefónicamente a calquera hora, algo que herdou do seu antecesor. Ademais, percorre os núcleos de poboación con regularidade para coñecer de primeira man as demandas. “Somos coma os camareiros dun restaurante, pero os que están na cociña son os traballadores do Concello”, dixo en agradecemento ao persoal municipal.
Preocúpalle o envellecemento da poboación e quere atraer xente nova para residir, traballar e formar familia na Estrada. Fala con paixón dun modelo de municipio con servizos, infraestruturas e oportunidades. “Non quero que a Estrada sexa só unha vila ben comunicada. Quero que haxa oportunidades reais para que a xente se quede”, destacou.
O alcalde destacou os investimentos en instalacións deportivas, como a nova pista de atletismo ou o módulo multideporte cuberto en construción. “Máis de mil persoas practican deporte federado cada día. Queremos darlles as mellores instalacións posibles”, comentou.
Tamén anunciou unha programación cultural ambiciosa para os próximos meses, incluíndo a Festa do Salmón (18 de maio), a Feira da Sidra (7 de xuño) e a Rapa das Bestas de Sabucedo (xullo), así como artistas nacionais e internacionais.
Con só 30 anos, Gonzalo Louzao amosa madurez, paixón e compromiso co seu cargo. Di que non se marca un límite temporal para estar na alcaldía, pero só se os veciños o consideran útil. “O tempo que dedico ao Concello non se recupera, así que ten que valer a pena. Quero que ese tempo se note na vida da xente”, sentenciou.
Gonzalo Louzao afronta o seu segundo ano á fronte da Estrada cun goberno sólido, contas saneadas e proxectos ambiciosos. A súa mensaxe é clara: gobernar coa xente, desde o territorio e coa mirada posta no futuro. Un futuro onde o rural, a vivenda, o emprego e os servizos son as claves para facer da Estrada unha vila orgullosa dos seus e aberta ao mundo.
A entrevista completa, no seguinte enlace.