Doval forma parte activa dunha plataforma de alcaldes que reclaman esta medida: “Temos que deixar de inventar novas asociacións. Xa temos unha. Todos os partidos están representados e debemos loitar xuntos”.
A súa indignación recente viuse reflectida nun episodio de obras non comunicadas na nacional: “Chegar ao Concello un luns e ver que cortaron rúas e eliminaron prazas de aparcamento sen avisar é inadmisible. Non se nos tivo en conta nin para coordinar o tráfico. Unha falta de respecto institucional”.
Outro dos piares do mandato é o fortalecemento do irmandamento con Góis, en Portugal. “Pasamos do simbólico ao efectivo. Intercambio de nenos, actividades culturais, deporte… Mandamos rapaces ao Góis Cup e gañaron”, contou con entusiasmo. “Queremos que o hermanamento sexa entre veciños, non só entre alcaldes que se dan a man”.
O enfoque interxeracional tamén se deixa notar: “Escollimos traballar cos nenos porque cos maiores é máis complexo, pero non esquecemos a ninguén. Os pais agradecen que os cativos vivan unha experiencia internacional e eles tamén descansan”, bromeou.
O rexedor tamén celebrou o bo momento do tecido comercial local: “Hai aperturas constantes de bares, comercios… Un ambiente que non había hai anos. Agora un sábado á noite ves terrazas cheas e xente pola rúa. Iso é saúde urbana”. Promete seguir facilitando ao máximo os trámites para quen queira emprender: “Se non podemos axudar, polo menos non incordiar. Os autónomos merecen todo o noso respecto”.
2026 xa se está cociñando: “Queremos o orzamento aprobado en novembro”
A previsión é outra das obsesións do alcalde. “Xa estamos traballando nos orzamentos de 2026. O obxectivo é telos aprobados no pleno de novembro”, anunciou. Este avance será clave para executar un novo proxecto urbanístico valorado en preto dun millón de euros, do que non quixo dar detalles: “Temos todos os permisos. Falaremos máis a fondo despois do verán”.
“Levamos feito moito e queda moito por facer”, concluíu Doval, comprometéndose a seguir con intensidade o que resta de lexislatura. “Non hai vacacións cando un quere deixar pegada. Oroso está vivo, e iso nótase en cada rúa, en cada praza e en cada novo proxecto que nace”.