Traballos de topografía e análise de planos
O alcalde, Blas García, explicou que «xa estamos traballando para acometer a humanización no Milladoiro; non traballos con maquinaría, senón de topografía e analizando a correspondencia entre os planos do proxecto e a situación actual da zona. Esta é una obra moi importante para Ames e, sobre todo, para os veciños do Milladoiro, porque vai cambiar o núcleo tal e como o coñecemos. Por esta avenida circulan unha media de 20.000 vehículos diarios, que teñen un impacto acústico e medioambiental moi importante na veciñanza».
Ademais, engadiu “para a Corporación é unha satisfacción que este proxecto se faga realidade, porque levamos moito tempo loitando xunto con outros grupos políticos e asociacións veciñais para impulsalo. Agardamos comezar as obras ao longo deste ano, sen dar aínda un prazo concreto. Van ser unhas obras problemáticas, complicadas, pero a nosa intención é a coordinación entre as administracións implicadas para que os veciños teñan toda a información posible e que lles ocasione os mínimos trastornos posibles».
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, indicou que “o obxecto principal da actuación centrarase en diminuír e calmar o tráfico, adaptando e renovando esta infraestrutura para mellorar a mobilidade activa e facela máis segura e sostible, en consonancia coa axenda verde que se promove dende o Goberno”.
Tamén destacou que «unha das liñas prioritarias do Ministerio de Transportes este ano ten que ver con proxectos como este do Milladoiro, unhas obras de humanización que estamos levando a cabo en distintas partes do país, e que responden á nosa aposta por contornas máis amables, nos que prime unha mobilidade sostible e que ademais contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Este é un proxecto de 4,4 millóns de euros, que queremos acometer da man do Concello. Este é o espírito que nos trae hoxe aquí, o da colaboración para manter unha comunicación e coordinación continua en canto a prazos, actuacións… Xa estamos a acometer os primeiros traballos previos, imprescindibles para o éxito do proxecto».