Blas García tamén destacou “un dos problemas que empezamos a ter en Galicia é a conciliación das persoas maiores e, polo tanto, xa fixamos o ofrecemento de trasladar á Xunta as parcelas ou a parcela necesaria para facer unha residencia para as persoas maiores aquí no concello”. Ademais, insistiu en que “independentemente de ideoloxías, as Administracións debemos traballar xuntas, con colaboración, porque temos que ter un único obxectivo que é mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Neste senso o Concello de Ames leva tempo traballando para crear infraestruturas que traten de mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Pois iso desta volta preténdese que Ames dispoña dunha das 24 novas residencias que a Xunta vai a construír en Galicia con 1.800 prazas para maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Pechou a quenda de intervencións o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que resaltou que “Ames é un concello moi simbólico en varios aspectos, un deles por ter crecemento vexetativo positivo, un feito que hai que favorecer e potenciar ofertando os servizos axeitados para a súa poboación, como poden ser apoiar ás escolas infantís ou a creación de vivenda pública”. Neste senso, agradeceu a colaboración permanente co Concello, “por apoiar e facilitar a disposición das parcelas nas que a Xunta de Galicia vai construír máis de 200 vivendas públicas”.
Ademais, o presidente da Xunta engadiu “estamos facendo tamén un centro educativo no Milladoiro que vai ser referente, e todo o que fai falta para unha poboación que se establece nun concello no que existen servizos. Tomo nota da solicitude feita polo alcalde, e coa obxectividade coa que intentamos emprazar os servizos, voume con este recado que está ben plantexado. Hai que ofrecer os recursos e servizos necesarios para a poboación, e estes son só posibles onde existe colaboración entre administracións”.