O alcalde de Ames, Blas García, explica que “esta obra vén a dar resposta a unha petición histórica dos veciños e veciñas de Covas, que é a de conectar de xeito peonil esta parroquia con Bertamiráns. Damos así un paso importante, tamén, que é seguir creando novas sendas que comuniquen o rural e melloren a seguridade viaria”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “a execución das obras desta senda garantirán que a veciñanza conte cunha alternativa de desprazamento a pé entre Covas e Bertamiráns que sexa accesible. Ademais da pavimentación da zona, vanse levar a cabo traballos de reposición do alumeado público e a sinalización do itinerario. Trátase dunha aposta do Concello pola seguridade peonil”.
Execución do proxecto
Este proxecto ten o obxecto de construír un itinerario peonil que lle permitirá á veciñanza desenvolver os seus desprazamentos en condicións óptimas de seguridade e accesibilidade. Con ese fin, estase executando unha senda peonil duns 480 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho en pavimento de formigón coloreado con mallazo de 12 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra. A senda discorrerá pola marxe dereita, agás o treito inicial ata a ponte, que se disporá pola esquerda, dende a beirarrúa existente.
A continuidade do itinerario peonil sobre o Rego dos Pasos levarase a cabo mediante un pórtico de formigón armado, de 7 metros de lonxitude, 2,50 metros de ancho e 2,50 metros de altura, anexo á estrutura existente pola marxe dereita.