Programación
Esta sexta edición de Compostela Diversa celebrarase do 27 de maio ao 30 de xuño, concentrándose os actos centrais nos últimos dez días. Así, o xoves 20 de xuño haberá un Faladoiro sobre persoas asiladas LGTBI, coa colaboración da ONG Movemento pola Paz. O sábado 22 de xuño, a sección Cinema acollerá a presentación e exhibición do filme «Testigos de un tiempo maldito», con coloquio posterior con Daniela Ferrández e Javier Larrauri, director da película, así como a proxección da curtametraxe de Anxos Fazáns «Habitar».
O venres 28, levarase a cabo a lectura do manifesto ás 11 do mediodía na Praza do Obradoiro. Ao día seguinte, desde as 18:30 ata as 23:30 h a praza de Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que intervirán distintos escritores e artistas.
De xeito complementario a estas actividades, preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade vestiranse coas cores de Compostela Diversa, a través de distintos elementos coma mandís, carteis, postais, pousavasos e manteis, dentro dunha campaña de difusión e visualización da diversidade.
Ademais, un ano máis, para visibilizar os valores de Compostela Diversa, Turismo de Santiago colocará iluminación e decoración en espazos públicos destacados como a propia oficina central de Turismo de Santiago, ou en diferentes puntos da Alameda, como a Porta Faxeira, as Dúas Marías, o Eucalipto dos Namorados, incorporando ademais este ano a praza Roxa como novidade.