Despois do éxito das edicións de 2021, 2022, 2023 e 2024, o Concello de Ames retoma para este Nadal o programa de incentivos ao comercio a través de bonos de desconto. A iniciativa, que busca ter un impacto positivo no comercio local, conta cun orzamento de 60.000 euros. Nesta iniciativa colaboran as asociacións Xuntanza de Empresarios de Ames, Asociación de empresarios Novo Milladoiro e maila Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulebar.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “dende hoxe e ata o vindeiro luns 15 de decembro está aberto o prazo para que os establecementos que o desexen se poidan adherir a esta campaña. Fago un chamamento ao sector hostaleiro e comercial a participar nesta iniciativa, especialmente aos comercios do Milladoiro da avenida de Rosalía de Castro. Posteriormente, os bonos poderán gastarse do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026. Trátase dunha iniciativa que ano tras ano xera un volume de negocio moi importante para o comercio e hostalería do noso concello”.
Prazo de adhesión para os establecementos comerciais e hostaleiros
Aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 1 e o 15 de decembro, ambos incluídos. Todos os establecementos participantes deberán contar cun adhesivo que os acredite como establecementos colaboradores. Este ano destinaranse un total de 60.000 euros aos Bonos Consuma.
A campaña para veciños/as e visitantes, para consumir os bonos nos establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, será do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026, ambos incluídos.