En representación da Xuntanza de Empresarios de Ames interviu o seu presidente, Ramón Cordido, que agradeceu “a todos os comercios e autónomos de Ames a súa implicación nestas festas, que o fan a través duns libros onde imos a publicar a programación. Agradecer tamén que as comisións de festas estean integradas por comerciantes e hostaleiros/as de Ames. Para o comercio e para XEA é importante que se poidan celebrar estas festas tanto no Milladoiro como en Bertamiráns”.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García. “Agradecer o traballo das persoas que integran as comisións de festas, sobre todo da comisión de festas da Madalena porque é o primeiro ano que organizan as festas do Milladoiro, así como á comisión de festas da Peregrina, que xa está consolidada xa que é o terceiro ano que colaboran na organización das festas de Bertamiráns. Cremos que é necesario facer unhas grandes festas no concello e así o estamos facendo dende 2022 colaborando coas comisións de festas. Facemos unha aposta forte por traer as mellores orquestras de Galicia porque iso vai axudar a traer xente ao noso concello e repercute de forma positiva no comercio e na hostalería local”.
Ademais, adiantou que “este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas do Milladoiro o sábado 3 de agosto e outro de peche nas festas de Bertamiráns o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú ao mediodía. As persoas que ofrecerán ditos pregóns serán anunciados proximamente. Ademais, de moita música tamén haberá actividades deportivas como trofeos de fútbol, torneo de 3×3 de baloncesto, etc”.
Festas da Madalena no Milladoiro
Durante a primeira semana de agosto, O Milladoiro celebrará as festas da Madalena, que comezarán o venres 2 co festival Millarock. O sábado 3 de agosto contarase coa actuación da Requinta da Amaía, a orquestra Metrópolis e maila discoteca móbil Euforia. Para o domingo 4 de agosto está prevista a actuación de Airiños do Paseo de Colón xunto coa Banda de música de Brión, o Combo Dominicano e a discoteca móbil Impacto. O luns 5 contarase coa actuación da orquestra Panorama e maila discoteca móbil CDC. As festas da Madalena pecharanse o martes 6 de agosto coa actuación da orquestra Gran Parada.
Festas da Peregrina en Bertamiráns
Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina o mércores 7 da man da orquestra París de Noia e maila discoteca móbil CDC. O xoves 8 será a quenda da orquestra Los Satélites. De seguido, o venres 9 de agosto, chegarán Guadi Galego, que actuará no parque do Ameneiral, así como grupo La Banda de Ayer e a discoteca móbil Impacto, que estarán no campo da festa. Para o sábado 10 de agosto está prevista a actuación da Requinta da Amaía e a Coral Lojo Batalla xunto con Los Coleguitas e a discoteca móbil Fabrik. As festas rematarán o día 11 coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, da Banda de música de Lousame e de Tania Veiras. Ademais, os días 7, 8 e 9 haberá pasarrúas a cargo das charangas A Santa Compaña, Os Celtas e a BBB de Ourense.
Romaría urbana