A primeira sesión terá lugar o xoves 22 de maio, en Bertamiráns, ás 21.00 horas, da man de Marta Doviro e José Blanco. Marta Doviro, no seu espectáculo “Unha rapasa da Costa da Morte”, ten como eixo central ese territorio de Galicia, onde a comunicadora e cómica viviu gran parte da súa infancia. Por outro lado, José Blanco é desa nova xeración de cómicos que ofrece un show cheo de humor xenuíno, cunha concepción artistocrática do humor.
En canto á segunda xornada, desenvolverase o venres 23 no Milladoiro, tamén ás 21.00 horas, con Evaristo Calvo e Kari Carbone. Desta volta, Evaristo Calvo, cunha longa traxectoria sobre os escenarios e na televisión, ofrece unha proposta cómica que non deixará a ningún espectador indiferente. Pola súa banda, Kari Carbone, a pesar de levar moi pouco tempo en escena, conta cunha improvisación e espectáculo cheo de forza.
Na terceira xornada, o sábado 24, o auditorio de Bertamiráns acollerá a partir das 21.00 horas os espectáculos de Federico Pérez, unha das caras máis recoñecidas da televisión e escena teatral galega, e Cata Ukelele, cómica de stand up viguesa que ofrece un humor fresco e dinámico ao longo do seu espectáculo.
A derradeira sesión do ciclo de monólogos, que se desenvolverá o domingo 25, ás 20.00 horas, no Milladoiro, terá coma protagonistas a Soledad Felloza e Matías Cubilla. Pola súa banda, Soledad Felloza é unha artista con trinta anos de experiencia como actriz, narradora oral e monologuista que percorreu escenarios de diferentes países. En canto a Matías Cubilla, é un artista que adoita ter un contacto directo co público, mais non se limita a experimentar novas formas de facer humor. Cómpre destacar que na xornada do domingo contarase con intérpretes de lingua de signos.