O alcalde, Blas García, explica que “a resolución da licitación do novo CEIP do Milladoiro é unha noticia moi positiva e importante para o noso concello, porque este centro educativo é un dos piares sobre os que sustentamos o proxecto que estamos a desenvolver para o núcleo máis importante do noso concello. Ames avanza en educación, servizos, mobilidade e infraestruturas”. O rexedor afirma que “somos un concello moderno e dinámico cun goberno capaz de traballar e negociar con todas as administracións en favor da nosa veciñanza”.
O Concello de Ames aportará unha achega de preto de medio millón de euros a esta actuación unha vez rematado o centro sumando o soterramento da liña eléctrica de media tensión (211.605 euros IVE incluído) e a posterior urbanización da zona na que se emprazará o novo colexio. “Este non é máis que outro de exemplo de colaboración institucional por parte do Concello de Ames para impulsar o noso municipio e facer que siga medrando”, explicou García.
Esta obra, que contrata a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas será sufragada con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI.
O centro contará cunha superficie construída de 4.384,73 m² distribuída en dous andares, nos que se disporán seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a Anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.