A Xunta de Galicia e mailo Concello de Ames asinaron no mes de xuño de 2022 un convenio para poñer en marcha un novo servizo de autobús entre as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela. Dito servizo tiña o obxectivo de facilitar a mobilidade dos veciños e veciñas destas parroquias, a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal. Dito convenio foi aprobado previamente no pleno ordinario de abril de 2022 por unanimidade da Corporación municipal.
A través deste servizo tratouse de dar unha solución ás persoas usuarias da desaparecida liña de transporte urbano P2, pertencente ao Concello de Santiago, e que discorría polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Deste xeito, o trazado da liña de interese municipal funciona en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (A Igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago.
Xuntanza para mellorar o servizo da liña de autobús de interese municipal
Debido a que dende o Concello de Ames se ten constancia de numerosas incidencias neste servizo, achegadas polos propios usuarios/as da SIMU, esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernandez, a Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o presidente de Monbus, Raúl López, mantiveron unha xuntanza para tratar de solucionar as incidencias e problemas detectados. A comisión foi solicitada polo número de queixas recibidas da veciñanza.
Deste xeito, dende o Concello propúxose a modificación da SIMU reorganizando frecuencias para evitar duplicidades coa liña de autobús de Extramundi. Tamén se solicitou vixilancia para o cumprimento de horarios e de percorridos; establecer as paradas no Hospital Clínico de Santiago de Compostela / Campus Sur da USC; e a variación no percorrido para incluír paradas en Fraíz e A Moniña.