Áreas de baño
No Milladoiro existen dúas piscinas (unha para as persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros e outra para os cativos que conta cunha profundidade de medio metro). Por outra banda, en Bertamiráns existe unha única piscina que dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. En ambas as dúas instalacións realizáronse traballos de limpeza dos vasos das piscinas e clorado da auga.
A área fluvial de Tapia tamén se estivo acondicionado durante as últimas semanas. Realizáronse traballos de lavado das zonas de pedra, acondicionouse a zona do aparcadoiro, lavouse o vaso da piscina e clorouse a auga de dita piscina.
Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comeza a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. Este persoal traballa en quendas para cubrir o horario completo no que estas instalacións están abertas.
Para completar os labores de vixilancia cóntase con seis vixiantes (dous en cada unha das instalacións). Estas persoas son as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.
Cursos de natación e piragüismo
Por último, cómpre lembrar que durante o verán nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro impartiranse cursos de natación, mentres que na área fluvial de Tapia haberá cursos de piragüismo.Deste xeito, desde o 9 ata o 23 de xuño está aberto o prazo de inscrición para a primeira quenda dos cursos de natación deste verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. En agosto realizaranse unha nova quenda de cursos de natación, para os que será necesario inscribirse entre o 14 e o 28 de xullo. Estas actividades terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña. As inscricións hai que tramitalas a través da plataforma Cronos.
Ademais, un ano máis organízanse os cursos de iniciación ao piragüismo, que se desenvolverán durante a última semana de xuño e mailos meses de xullo e agosto, na praia fluvial de Tapia. Ditos cursos, que están dirixidos a nenos e nenas nados/as do 2011 a 2017, impartiranse os luns, mércores e venres, en horario de 10.45h a 12.00 horas. Para participar nesta actividade é imprescindible saber nadar. As prazas son limitadas, polo que é importante inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal.