A instalación proxectada, cunha capacidade máxima de 25.000 toneladas anuais, implicaría –segundo denunciaron– un incremento significativo do tráfico pesado, movemento continuo de materiais, ruído, emisións de po e unha maior presión sobre as vías locais. “Non estamos ante unha preocupación menor, senón ante un impacto real sobre a saúde, o descanso e a seguridade da veciñanza”, sinalaron.
A Plataforma tamén alertou do impacto territorial da iniciativa, advertindo de que este tipo de instalacións poden comprometer a habitabilidade, a paisaxe e o valor residencial das aldeas afectadas, ademais de condicionar o seu modelo de futuro.
Outro dos aspectos criticados foi a falta de información e participación pública. A este respecto, consideran insuficiente a publicación formal da documentación en canles oficiais e reclaman “unha información máis próxima, clara e accesible para a cidadanía”.
Durante a súa intervención, a Plataforma puxo o foco no papel do Concello de Teo, ao que lle pediu que abandone unha actitude pasiva e exerza as súas competencias en defensa da veciñanza. Aínda que recoñecen que a autorización final depende da Xunta de Galicia, insisten en que a administración local debe asumir un papel activo dada a súa proximidade ao territorio.
En concreto, solicitaron ao goberno municipal un compromiso claro para opoñerse á instalación neste emprazamento, así como unha actuación rigorosa no ámbito urbanístico, viario e administrativo. Tamén cuestionaron a idoneidade das vías locais para soportar tráfico pesado continuado.