Román Rodríguez salientou que “detrás de cada carroza hai moito traballo colectivo, moita convivencia e iso é algo que falta nos nosos días: algo que nos una e nos dea unha visión común. Sodes un exemplo de colaboración, convivencia e de ser festeiros. Iso é a cultura de Galicia”. Así mesmo, puxo en valor tanto o traballo da rapazada do CRA Boqueixón Vedra como do libro editado pola Asociación das Carrozas do San Cidre polo seu “traballo de recuperación etnográfico, patrimonial e cultural destas carrozas. É un libro para presumir e para estar orgullosos”.
Un punto no que coincidiu Ovidio Rodeiro, que felicitou aos veciños e veciñas do Oural por “máis de 50 anos de traballo que se recolleron nun libro. Moi poucas parroquias de Galicia poden contar cunha publicación deste nivel e poder recoller a historia viva dunha parroquia durante medio século cos testemuños de moitos veciños da parroquia. Parabéns á asociación das Carrozas do San Cidre e á Comisión de Festas por facer de este o ano máis importante das últimas edicións, boa mostra disto foi a renovación das carrozas”. O alcalde de Boqueixón felicitou á veciñanza polo recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia: “Un recoñecemento a máis de medio século de traballo dos homes e as mulleres do Oural que, con traballo e coa súa unión, conseguiron afianzar esta festa”.
Distincións
O premio á mellor carroza do Desfile das Carrozas do San Cidre 2026 foi para “Os Cheas”, terceiros na edición de 2025, que recolleron a distinción de mans do conselleiro Román Rodríguez. Unha espectacular carroza que recreaba un patio de recreo do Oural. O segundo premio foi para “Os Cuchipandas”, segundos en 2025, que recrearon o ambiente dun antigo batán. Recibiron o galardón de mans do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato. O terceiro premio foi para “Sin Lei quero”, coa súa malladora, a quen entregou o premio o presidente da Comisión de Festas do San Cidre, Antonio González.
Finalmente, entregáronse unhas distincións ás peñas de Oural e Rebordaos por levar participando no desfile das Carrozas do San Cidre dende a primeira edición e de xeito ininterrompido durante este máis de medio século.