Ames, 7 de maio de 2024.– O Campo da Festa da Bugallido acollerá este sábado, 11 de maio, a II Feira do Pan e do Cereal, coa que se quere poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galegas. Esta feira busca animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, foi presentado esta mañá na Casa do Concello.
Esta mañá tivo lugar no Salón de Plenos a presentación da segunda edición da Feira do Pan e do Cereal, un evento que terá lugar este sábado, 11 de maio, no Campo da Festa de Bugallido. Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo; e a técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda.
A través de exposicións, charlas, obradoiros e degustacións, a Feira busca ser un referente dentro do seu sector, difundindo a longa tradición panadeira e a gran variedade de pans vencellada á diversidade das paisaxes e dos ingredientes, subliñando a importancia deste produto recoñecido como Indicación Xeográfica Protexida (IGP).
Abriu a quenda de intervencións a técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, que explicou que “este ano intentamos mellorar algúns aspectos con respecto á edición anterior, como unha maior oferta de obradoiros ou unha única mesa redonda”. Ademais, tamén sinalou que un dos obxectivos era “centrarnos nas panaderías do concello e a contorna, poñendo o foco no produto local e de proximidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo, sinalou que esta segunda edición da feira “demostra que seguimos traballando para poñer en valor este produto tan noso, con tanta tradición no concello de Ames”. Así mesmo, agradeceu a colaboración e implicación das panaderías e establecementos participantes “que nesta feira buscan poñer en valor a calidade dos seus produtos”.