A terceira novidade é que o domingo 17, ás 10.00 da mañá, terá lugar a andaina guiada «O Berce do Sar: percorrendo o barrio de San Lázaro pola beira do río Sar». Trátase dun paseo organizado pola Asociación Veciñal Monte do Gozo e a Asociación Gastronómica e Cultural Orde da Uña, en colaboración con Turismo de Santiago.
Esta andaina, guiada pola veciñanza, seguirá, a longo de 4,2 km, a senda fluvial que atravesa de parte a parte o barrio de San Lázaro, seguindo o río Sar augas arriba, ata o seu nacemento. O paseo permite coñecer o pasado e presente de Compostela, pasando a carón de antigos curtidoiros, vellos muíños e fontes que amosan os diferentes usos do río na antigüidade, e de construcións máis modernas para facilitar o desenvolvemento urbano.
Ademais, vinte e cinco restaurantes, do barrio de San Lázaro pero tamén doutros barrios, ofrecerán durante estes días as súas versións do tradicional prato das Uñas, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo. Os locais que ofrecen as uñas, así como o programa completo da Festa, pode consultarse no programa de Semana Santa, dispoñible na oficina de información de Turismo de Santiago e en www.santiagoturismo.gal.