A edil socialista Mila Castro lamenta o abandono do emblemático quiosco do Toural
Líder Redacción
7 de septiembre de 2024 a las 15:32
- Lembra que goberno local se comprometera a establecer unha concesión pública a raíz dunha moción que presentaran os socialistas ao pleno da corporación
- “Lamentamos que, unha vez máis, as boas palabras da señora Sanmartín se queden niso; nun titular de intencións”, critica
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2024. Despois de 113 anos, o quiosco do Toural puxo fin á súa actividade histórica o pasado mes de outubro do 2023, logo de que os seus xestores anunciasen que, por cuestións de viabilidade económica, non seguirían á fronte do emblemático local da rúa Nova. Agora, case un ano despois do seu peche, o Grupo Municipal Socialista abronca ao goberno local por incumprir a palabra dada cando, próximo ao seu peche, a alcaldesa anunciara unha licitación pública para garantir a continuidade do establecemento.
“Lamentamos que, unha vez máis, as boas palabras da señora Sanmartín se queden niso; nun titular de intencións”, asegura a edil socialista, Mila Castro, quen lembra que o quiosco, agora en desuso, foi durante o século pasado un “faro cultural”, cunha ampla, “e única”, oferta de diarios internacionais e revistas especializadas. Neste sentido defende que este trátase xa dun “emblema” da cidade e que “forma parte da propia identidade do casco histórico” polo que, insiste, desde o Concello “temos a responsabilidade de mantelo e protexelo”.
Lembra a socialista que xa no pleno do mes de outubro do 2023 os socialistas levaran ao pleno da Corporación unha moción instando ao goberno local a adquirir a propiedade do quiosco -que era propiedade da familia da, ata entón, xestora do negocio-, así como a establecer unha concesión pública que garantise un uso comercial das instalacións, preservando o negocio histórico e incluíndo outras liñas de negocio “axeitadas ás demandas da veciñanza do casco histórico”. Unha moción que, lembra, foi aprobada por unanimidade.



