O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, celebra este próximo sábado 13 de decembro, ás 17.00 horas, a FestAmes Diversa 2025. Un evento que, coma nas anteriores edicións, busca dar visibilidade e poñer en valor aos colectivos diversos no marco do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, que se celebra todos os anos no día 3 de decembro. O evento, que será presentado pola actriz Carlota Mosquera, celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro, onde haberá actuacións musicais, invitados de interese e máis sorpresas.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica “volve un ano máis a FestAmes Diversa; tras o éxito acadado coa xuntanza do 2024 baixo esta marca o Concello de Ames quere abrir de novo á fiestra á diversidade, á diversión, á celebración e á comunidade. A Casa da Cultura do Milladoiro converterase no cuartel xeral da festa da diversidade; bailes, vídeos, música e sorpresas farán, a partir das 17.00h da tarde do próximo sábado 13 de decembro, unha das celebración máis sinceras e de mellor acollida. Festa porque, como non, a razón de ser desta xornada é celebrar e festexar a convivencia das persoas con diversidade en total normalidade”.
A gala dará comezo ás 17.00 horas coa benvida da actriz, presentadora e instagramer, Carlota Mosquera, e cunha actuación de Freestyle People, que será a banda encargada de poñer o “toque” musical ao evento. Deste xeito, baixo a dirección de Carlota Mosquera percorrerase a diversidade do noso concello e arredores, agradecendo de antemán a todas e todos os que porán a súa arte e as súas inmensas capacidades ao servizo de que esta gala sexa o que realmente quere ser: unha FESTA con maiúsculas.