Para o popular, “é imprescindible que o goberno de BNG e CA deixe de mercantilizar con construtoras privadas, porque é unha mágoa que se venda solo público, cando se pode construír directamente vivenda 100% pública”. Así mesmo, remarcou que “os pisos privatizados polo BNG terán, como mínimo, un prezo de 180.000 euros para 80 m2 e os que propoñemos nós serán máis accesibles,100% públicos e terán un prezo bonificado de 100.000 €, por 80 metros cadrados, xa que se trata de prezos subvencionados que ademais non inclúen nin o beneficio industrial nin o prezo do solo”.
Verea engadiu que “descoñecemos se esta forma de facer as cousas é apatía ou incapacidade, pero este proceso de venda é un ataque ao interese público e unha obscena despatrimonialización da riqueza de todos os santiagueses, para entregarlla ás construtoras privadas”, e engadiu “que todas as cidades están cedendo solo público para construír vivendas 100% públicas, menos o BNG e CA que sancionan aos santiagueses para beneficiar a empresas privadas, por que?”
O popular quixo recordar que os últimos dez anos de políticas de vivenda en Santiago por parte do tripartito de BNG, CA e PSOE, presentan datos “demoledores”, posto que ”o alugueiro medio pasou de 390 euros en 2014 a 623 euros en 2024, o que supón un incremento do 60%. Ademais, o 2024 supuxo o maior aumento interanual da historia nos prezos de alugueiro”.
O tamén deputado autonómico subliñou que “as promesas feitas polos gobernos de CA, PSOE e BNG quedaron en nada, xa que da empresa pública de vivenda nada se sabe; o rexistro de soares, paralizado xudicialmente; a declaración de zona tensionada presentárona con cortas e pega de páxinas webs; e, a maiores, non se construíu nin unha soa vivenda pública e non hai dispoñible nin un só alugueiro público municipal”.
Estatuto do Propietario en Aluguer