Renovación da flota
O prego técnico da nova licitación establece que a empresa adxudicataria deberá subministrar un total de 67 autobuses para prestar o servizo, fronte aos 43 autobuses cos que contamos na actualidade. Deles, 18 serán eléctricos e o resto con motor de gas natural comprimido. Serán vehículos de entre 12 e 15 metros, en función das necesidades específicas de cada liña, con dúas excepcións: haberá tres autobuses eléctricos de entre 8 e 10 metros para a liña C3 (Concheiros-San Pedro-Almáciga-Galeras-Quiroga Palacios) e cinco vehículos a gas de entre 10 e 11 metros, para a liña 7 (Valle Inclán-Sar-Aríns, con prolongacións a Angrois e Fornás) e para as liñas alimentadoras do rural. Os autobuses serán de piso baixo, para garantir a accesibilidade, e no caso dos vehículos destinados á liña do aeroporto deberán estar provistos de portabultos.
A empresa adxudicataria terá un prazo de 12 meses para subministrar os vehículos definitivos cos que prestará o servizo, habida conta de que as empresas non dispoñen dun número tan elevado de autobueses nin coas características concretas requiridas no prego. Nese tempo, operará con autobuses provisionais, que non serán os que funcionan na actualidade. Na licitación valoraranse tamén as características e antigüidade desta flota que se oferte como provisional, co obxectivo de que as melloras no servizo cheguen desde a entrada en vigor do novo contrato.
Control do servizo e información ás usuarias
O redeseño das liñas e a modernización da flota virá acompañada da renovación do Sistema de Apoio á Explotación, que tamén suporá unha notable mellora do servizo para as persoas usuarias. O novo sistema deberá almacenar e xestionar de forma ordenada, xeolocalizada e en tempo real todas as informacións relativas ao servizo: liñas, itinerarios, lonxitudes de percorrido, expedicións, frecuencias, horarios, tempos, puntos de parada, averías, atascos… Estes datos traduciranse nun maior control do transporte por parte da empresa e do propio Concello, pero ademais permitirá que as persoas usuarias reciban información máis fiable sobre o servizo.
Esa información será subministrada tanto a través dunha nova web que deberá reflectir permanentemente e de forma automática información dinámica e actualizada do servizo, e dunha nova APP que ofrecerá información interactiva das liñas, coas súas frecuencias e horas de paso por cada parada, dar conta da previsión da ocupación da viaxe seleccionada, ou informar da xeolocalización de cada autobús en tempo real. Tal e como se recolle no prego, a información deberá ser actualizada cada 5 segundos.
Tarifas
Un dos obxectivos do Goberno na nova licitación é manter unhas tarifas accesibles no transporte urbano, dentro dunha clara aposta polo transporte público como servizo municipal fundamental e como piar dunha mobilidade máis sostible. Para evitar o encarecemento dos billetes, tendo en conta as numerosas melloras que se prevén na nova licitación, o Concello fará unha achega anual ao servizo que superará os 8 millóns de euros.
Desta maneira, e segundo se recolle nos pregos da licitación, o prezo estimado do billete ordinario será de 1,40 euros; e o do billete escolar queda en 0,56. Co bono ordinario, a modalidade máis utilizada, o prezo da viaxe será de 0,63 euros, só 3 céntimos máis que na actualidade. O bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas durante 30 días, quedaría en 35 euros. En canto ao bono pensionista, mantense a previsión da licitación aprobada no pasado mandato, de maneira que haberá 100 viaxes gratuítas ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será de 0,50 euros. Por último, a tarifa específica para a liña de bus ao aeroporto, neste caso non bonificada, será de 6 euros para o billete de ida e de 10 euros para o billete de ida e volta.
Relacionado cos billetes, a empresa contratista deberá garantir diferentes medios de pago, ademais do pago en metálico: cartóns intelixentes que poderán ser nominais e recargables ou anónimas de prepago; cartóns de transporte metropolitano compatibles cos sistemas homologados pola Xunta; e dispositivos electrónicos que permitan o pago co móbil ou con tarxeta.