A Comisión especial, reunida hoxe por primeira vez, estivo presidida pola alcaldesa e contou coa participación de representantes dos grupos municipais Iago Lestegás (BNG), María Rozas (CA), José Antonio Constenla (PP) e Mercedes Rosón (PSdeG-PSOE), así como do persoal técnico de Secretaría, da Área de Urbanismo e Obras, da Sección de Xestión de Planeamento, da Asesoría Xurídica, da Oficina Orzamentaria e de Intervención Xeral.
A constitución desta Comisión supón o primeiro paso para a creación dunha empresa pública que serva como «un instrumento fundamental para unha política efectiva en materia de vivenda», en cumprimento do acordado polo Pleno da Corporación na sesión do 25 de novembro de 2021. Goretti Sanmartín salientou que o obxectivo prioritario é «a rehabilitación e recuperación do parque inmobiliario que permita a creación dun parque de vivenda de titularidade municipal en réxime de alugueiro que axude a mellorar as condicións de acceso á vivenda e da preservación do patrimonio edificable».
Esta empresa levará a cabo actuacións no ámbito da promoción, posesión, xestión e administración do solo, da vivenda e dos equipamentos públicos desenvolveranse no marco dun modelo urbano que aposta pola recuperación e reutilización do parque residencial existente e guiaranse polos principios da sostibilidade, racionalidade, eficiencia, eficacia, calidade e equidade, «que se integra perfectamente no que defende a Axenda 2030, aprobada por esta Corporación», engadiu a rexedora.