Manuel César defendeu que o “proxecto orzamentario se ten que aprobar equilibrado” e recoñeceu que “este equilibrio nunca logra satisfacer todas propostas de mellora que as entidades presentan, e moito menos nun contexto de alza dos prezos, de contención impositiva e dunha profunda e sostida no tempo precariedade de atención a moitas necesidades do amplo territorio deste concello” e amosou a súa vontade de solucionar estas demandas veciñais “na medida do posible”.
O edil reiterou o compromiso do Goberno municipal coa veciñanza da Volta do Castro e do Rial de Conxo e recordou algunas das actuacións xa levadas a cabo e as que van ser executadas nos próximos meses: reposición da iluminación na vía do tren, melloras de accesibilidade con eliminación de barreiras arquitectónicas e colocación de podotáctiles, pintado de novos pasos de peóns, arranxo da varanda das escaleiras do paso inferior da vía, arranxos das beirarrúas deterioradas, execución e axardinamento da rotonda, colocación de redutores de velocidade, regulado e pintado do aparcamento en Poza Real e Rial de Conxo ou reposición do asfalto e muro contención na rúa da Decoita. “Neste momento está tamén adxudicada a redacción do proxecto para a recollida de pluviais e o asfaltado da rúa do Rial de Conxo e a ampliación da soleira da illa de colectores da rúa dos Churruchaos”, engadiu.
Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu o voto socialista e reiterou o compromiso do Goberno coa veciñanza da Volta do Castro – O Rial: «estamos atendendo e continuaremos a atender as súas demandas con diferentes actuacións, algunhas que xa se realizaron e outras que se van executar». A rexedora tamén salientou que o orzamento aprobado é «bo, necesario e incide en melloras nas obras e servizos públicos e sociais, en políticas de vivenda, educativas, culturais, deportivas» dando «resposta ás necesidades da veciñanza en tempos que non son fáciles». T
Orzamentos 2025
Os orzamentos superan os 146 millóns de euros, cun gasto corrente que alcanza os 130 millóns e uns fondos para investimentos reais de en torno aos 12,5 millóns, que se complementan cos suplementos de crédito, polo que os investimentos reais alcanzarán os 13,8 millóns este 2025