Un ano máis achégase o Día de Rosalía e Santiago de Compostela será o epicentro, xunto con Padrón, das celebracións que teñen lugar por todo o país. Alí naceu, preto da praza de Vigo, daquela concello de Conxo, un 23 de febreiro de 1837, e 187 anos máis tarde a Fundación Rosalía convida a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía.
En Compostela convócanse os actos centrais do Día, en colaboración co Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a asociación Raigame e a Asociación de Hostelería Compostela e Hostalaría.gal. O principal será no Hostal dos Reis Católicos, onde a autora foi bautizada ao día seguinte de nacer. Alí haberá lectura de poemas rosalianos por parte de representantes institucionais e a actuación de Os Carapaus, a cantante Faia e alumnado da Escola de Música de Santiago (Estela Pereira e Lucas Lugo).
Antes, ás 11, haberá Alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, alén de recitado de poemas por parte de nenos e nenas dos colexios Quiroga Palacios e Cluny.
Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país, e repartiranse ata 80.000 manteis da iniciativa, espallados por vilas e cidades galegas. Este ano ademais participarán varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alicante e Valencia.
En Santiago ofrecerán Caldo 13 colexios da cidade e 30 locais hostaleiros, grazas á colaboración da Asociación de Hostelería de Compostela e Hostalaría.gal.