“Foi un auténtico privilexio servir a esta Universidade como o reitor centésimo septuaxésimo segundo nestes dous mandatos reitorais e é tamén unha honra traspasarlle o bastón e a medalla como símbolos do goberno universitario á Reitora Crujeiras”, dixo.
No seu discurso aproveitou ademais para reivindicar o poder transformador da sociedade da Universidade pública. “Nada do que ten pasado en Galicia e en España podería ser imaxinado sen as súas Universidades”, asegurou, con especial acento no público, “elemento esencial para a igualdade de oportunidades, o gran motor deste elevador social que permite que cadaquén poida atinxir o lugar que lle corresponde sen máis condicionantes que os das súas capacidades persoais e o seu esforzo”. “Por iso -asegurou-, creo no sistema universitario público de Galicia e creo na Universidade de Santiago de Compostela, unha universidade completa, comprometida coa cultura e a proxección internacional e que ten demostrado solvencia e xestión rigorosa dos seus recursos”.
Tivo ademais López palabras de agradecemento para “todas as persoas que co seu traballo e dedicación nos trouxeron ata aquí, pero nada sería posible sen a xenerosidade de quen se implicaron asumindo responsabilidades de distinta natureza, pola vocación universitaria demostrada e o compromiso acreditado, que nos permitiu superar situacións límite, como a pandemia”, advertiu
No espazo dos agradecementos institucionais, que fixo especiais para a Xunta de Galicia, o Goberno de España, as Deputacións da Coruña e Lugo e os Concellos de Santiago e Lugo, reivindicou un gran pacto institucional polas Universidades e a Ciencia, “con especial intensidade entre Estado e CCAA, pois só así se poderán acadar algúns dos retos que a LOSU consagrou, como o obxectivo do 1 % do PIB para as Universidades”, rematou.
A USC, “motor de progreso”
Pola súa banda, durante a súa intervención, o presidente da Xunta trasladoulle os seus parabéns á nova reitora, poñendo en valor o fito histórico de ser a primeira muller que accede á reitoría nos cinco séculos que ten a universidade. “Celebrámolo e agardamos seguir celebrando moitos máis avances e logros nos próximos anos”, destacou Rueda.
O titular do Goberno autonómico reivindicou a “colaboración intensa” entre a Xunta e a USC e reafirmou o compromiso do executivo galego “cunha universidade pública forte, moderna e accesible”. Mostrou a súa predisposición para que “a USC, e todas as universidades galegas, sigan sendo un motor de progreso e un espazo de oportunidades que acollan e impulsen todo o talento que hai en Galicia”.
Numerosas autoridades e 500 asistentes
Entre as autoridades presentes na cerimonia, que congregou a preto de cincocentas persoas, figuraban o delegado do Goberno en Galicia, a alcaldesa do concello de Santiago e o alcalde de Lugo, os ex reitores da Universidade de Santiago e das outras dúas universidades galegas, a presidenta do Consello Social da USC e o da UVigo, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o fiscal superior de Galicia, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do Pobo, o presidente do Consello Económico e Social e a presidenta da Deputación de Lugo, entre outras moitas.
Equipo reitoral