Rianxo recibe o diploma de ouro da rede “Praias sen Fume” pola súa implicación ambiental
O Concello de Rianxo foi galardoado co diploma de ouro da rede “Praias sen Fume”, recoñecemento que anualmente concede a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Este distintivo premia o compromiso do municipio coa protección do medio ambiente e a promoción de espazos libres de fume, especialmente nas súas zonas costeiras.
Líder Redacción
19 de septiembre de 2024 a las 15:27
O acto de entrega do diploma contou coa presenza do alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quen acolleu o recoñecemento con satisfacción. Bustelo destacou que este premio «reforza o compromiso do Executivo en seguir mellorando os nosos areais e espazos verdes para o desfrute de todos e de todas, tanto da veciñanza como das persoas que nos visitan anualmente”.

O alcalde subliñou tamén que este logro é froito do esforzo conxunto entre a administración local, a veciñanza e os visitantes, que colaboran activamente para manter as praias de Rianxo como zonas libres de fume, favorecendo así un contorno máis saudable e sostible.
A iniciativa “Praias sen Fume” busca concienciar sobre os perigos do tabaquismo e o impacto ambiental que supoñen as cabichas, impulsando espazos máis limpos e respectuosos co medio. A obtención deste diploma sitúa a Rianxo como un referente no eido da protección ambiental dentro da comunidade galega, consolidando o seu papel como destino turístico responsable e comprometido co benestar da súa poboación e do medio natural.
O concello continuará a implementar accións que garantan a calidade das súas praias e espazos verdes, fomentando o respecto polo medio ambiente entre os seus habitantes e visitantes, asegurou o alcalde.



