Para a mellora do firme o proxecto prevé unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa quente, previo rebacheo con grava e tratamento asfáltico. Actuarase, en concreto, sobre unha superficie de 6.175 metros cadrados. Na intersección da Costa do Sisto prevese o estendido dunha capa de aglomerado en quente como capa intermedia de regularización que servirá para obter a modificación precisa da rasante antes da capa de rodadura. E na zona destinada para o aparcamento en batería e a parada de bus, onde a beirarrúa é elevada, colocarase, nuns 75 metros, un borde de formigón.
Para a recollida de pluviais instalaranse 1.390 metros de tubeiras plásticas, cos respectivos sumidoiros e arquetas; contemplando tamén, o proxecto, a canalización do alumeado público.
Palacete da Finca do Espiño
O executivo municipal tamén deu luz verde á resolución do contrato coa empresa BAUEN EMPRESA CONSTRUCTORA para a «Execución das obras de rehabilitación do palacete da finca do Espiño para equipamento municipal cultural e administrativo», obras incluídas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado- EDUSI – PO FEDER 2014-2020)».
Este contrato fora adxudicado en xullo do 2021 á empresa BAUEN EMPRESA CONSTRUCTORA SAU por un importe de 1.425.922,9 euros, e en agosto de 2022, a Xunta de Goberno aprobou unha modificación do proxecto no que se prevían unha serie de cambios cun incremento estimados dos custes de entre o 40% e o 50%, polo que se decidiu que o máis vantaxoso para o interese xeral sería a rescisión de mutuo acordo e o inicio de trámites para a redacción dun novo proxecto.