O sábado será o día grande do Entroido tradicional. A xornada comezará ás 12:30 horas coa sesión vermú a cargo de Dúo Dilema. Ás 15:00 horas producirase a saída desde Viso de Correos, Xenerais e Comparsas, acompañados pola Charanga Os Atrevidos. A partir das 17:30 horas celebrarase o desfile desde o Cruceiro de Sar ata a Colexiata, coa incorporación dos Boteiros e Fulión de Viana do Bolo e das Madamas e Galáns de Cobres, que acompañarán aos Xenerais da Ulla.
Os Boteiros e Fulión forman parte dos Entroidos do Oriente Ourensán, declarados Festa de Interese Turístico Nacional, mentres que as Madamas e Galáns de Cobres e os Xenerais da Ulla están recoñecidos como Festa de Interese Turístico de Galicia. Na chegada á Colexiata terá lugar o tradicional atránque dos Xenerais, así como as exhibicións das diferentes agrupacións.
Desde a comisión animan especialmente á participación activa da veciñanza. “Animamos a todo o mundo a que veña disfrazado e a facer moita festa de Entroido”, sinalou Antelo. O sábado rematará cun novo tramo de verbena a cargo de Unión y Fuerza e novamente Dúo Dilema, tamén ata as 04:00 da madrugada.
Meses de traballo, compromiso e ilusión polo barrio
Detrás deste programa hai un equipo de 14 persoas que asumiron o relevo da comisión en setembro. O seu labor vai moito máis alá dos días sinalados no calendario. Reunións constantes, contratacións, venda de lotería, visitas casa por casa para cobrar cotas, organización de rifas e actividades como o fin de ano forman parte dun traballo continuo que comeza moito antes de que se monte o escenario.
“Non é só o día da festa, é un traballo que comeza en setembro”, explicou Nicolás García, resumindo o que implica formar parte dunha comisión de barrio.