O evento celebrarase este martes 4 de febreiro ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela e contará coa participación de varios humoristas galegos. A billeteira abrirase ás 18.30 horas, con entrada libre ata completar aforo.
Outro dos proxectos recentes de Pepo Suevos é a webserie «Espello Espelliño», unha produción impulsada polo supermercado Supernito de Vilanova de Arousa. O que naceu como un experimento para redes sociais acabou por converterse nunha serie emitida en televisión, que agora aspira a ser nomeada nos Premios Mestre Mateo. «Que un supermercado teña a súa propia serie de televisión paréceme marabilloso. Ao final, a ficción pode nacer en calquera parte», comentou con humor.
A serie, que comezou cunha produción modesta, está agora proposta en varias categorías dos premios, competindo con grandes proxectos audiovisuais de Galicia.
Aínda que a súa axenda está chea de compromisos, Suevos non descarta asumir novos retos, como a dirección de cine. «Se teño que empezar cunha curta antes de dar o salto á dirección dunha longa, fareino. Pero todo require financiamento e tempo», admitiu.
Ademais, revelou que xa ten un novo proxecto en mente: unha curta ambientada nun programa de radio. «Curiosamente, xa escribín unha curta sobre unha emisora de radio. Igual aquí en Radio Líder podemos facer unha coprodución…», lanzou como suxestión.
O que está claro é que Pepo Suevos non para. Con 25 anos de carreira, segue a sorprender co seu talento, a súa enerxía e a súa capacidade para reinventarse. A risa está asegurada.

Tes a entrevista completa, no seguinte enlace.