Os “Seráns de Ames” desenvolveranse ao longo de tres xoves do mes de xullo e outros tres xoves do mes de agosto, alternando as propostas entre a praia fluvial de Tapia, a carballeira de Bugallido, e os campos da festa de Ortoño, Covas e Trasmonte.
A praia fluvial de Tapia volverá a abrir un ano máis o programa, que dará comezo o xoves 3 de xullo, ás 19.00 horas, co pregón inaugural, que realizará Inés Suárez, cantante do grupo As Maianas, e co espectáculo de circo, dirixido a público infantil, ‘Ghop! Teatro ao cubo’.
Por outra banda, o xoves 10, ás 20.00 horas, terá lugar no campo da festa de Ortoño a actuación musical ‘Lembra Xabarín’, unha proposta para todos os públicos que pretende viaxar no tempo para así voltar aos anos 80 e 90 e rememorar á época do Xabarín Club para os adultos e descubrilo para os máis pequenos.
Así mesmo, os Seráns de Ames continuarán o xoves 17, tamén ás 20.00 horas, no campo da festa de Covas, unha das parroquias que se estrean neste programa. Nesta xornada haberá dúas propostas, unha delas, será o concerto do grupo de mozos amesáns Teen, cun estilo musical máis instrumental, e a continuación, será a quenda de Los Starbros, unha agrupación formada tamén por mozos que están a comezar no mundo da música e que están apostando polo rock.
A programación do mes de agosto comezará o xoves 14, ás 20.00 horas, no campo da festa de Trasmonte, coa actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e con bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos ás súas costas.
Na mesma liña, a carballeira de Bugallido acollerá o xoves 21, ás 20.00 horas, o espectáculo dirixido para todos os públicos do grupo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. Nesta proposta, farase unha viaxe por todo o folclore galego, interpretando pezas de diferentes localidades galegas.