Este ano manténse tamén a actividade do Agasallo viaxeiro, plenamente consolidada na rede de centros socioculturais. Como cada ano, os nenos e nenas de cada centro traballan na elaboración de pequenos agasallos destinados a crianzas doutros centros socioculturais, que intercambiarán ao longo do mes de xaneiro.
Tamén se repite a experiencia do «Belén participativo» na igrexa de San Fiz de Solovio, unha maqueta feita pola veciñanza desde os 45 centros socioculturais da rede, que convive co Belén tradicional que se pode visitar na igrexa. Nos 10 primeiros días de apertura, ambos beléns recibiron a visita de case 7.300 persoas. Neste mesmo espazo de San Fiz, o 22 de eecembro celebraráse o concerto das corais dos CSC, coa participación da coral Crecente de Conxo, a coral Ponte Mantible de Vite, e a Agrupación Pena Maior de Marrozos. Será a partir das 18.00 horas.
Máis de trinta espectáculos nos centros
«Un Nadal de conto e cor» é a oferta de artes escénicas para despedir o ano na rede de centros socioculturais, cun programa que se intensificará a partir da próxima fin de semana. Desde o 16 de decembro ata o 4 de xaneiro están previstas 25 actuacións repartidas polos CSCs da cidade e das parroquias e pensadas para diferentes públicos. Haberá teatro, música ou contacontos, a cargo de nomes como Cé Orquestra, Rudi Dudi, Fran Rei, Caxoto contacontos, Ángeles Goas, Paco Nogueiras ou Vero Rilo.
A esta oferta engádense as actividades da rede cultural a Deputación da Coruña. O venres 15, o centro sociocultural do Ensanche acollerá o espectáculo de maxia Magic Mateo Show, a partir das 18 horas; e o sábado 23 de decembro, Charlatana presentará o seu espectáculo O apalpador no CSC de Conxo, a partir das 18.30 horas.