As casas do maior ofrecen atención de luns a venres, cun máximo de corenta horas semanais. O servizo, atendido por unha persoa autónoma ou cooperativas de traballo asociado, está aberto todo o ano agás festivos e un mes de vacacións.
No último Pleno, o alcalde, Manuel Taboada, explicou que o Concello aposta por este servizo fronte ao centro de día, “porque a casa do maior é gratuíta e no centro de día as persoas usuarias teñen que pagar sobre 500 euros mensuais”. O alcalde tamén indicou que nas casas do maior o transporte pode ser gratuíto para as persoas usuarias.
No caso de Lardeiros e de Ferreiros hai dúas mulleres do municipio que xa solicitaron poñer en marcha as dúas casas do maior, por iso o Concello acondicionou os locais para que poidan estar en funcionamento o antes posible. En ambos casos, o espazo dedicado a casa do maior contará con zona de estar ampla, cociña, despensa e baños adaptados.
“Se hai más persoas autónomas interesadas en montar casas do maior noutras parroquias, dende o Concello facilitaremos e acondicionaremos os edificios para achegar este servizo tan importante a nosa veciñanza”, dixo Manuel Taboada no Pleno.
“Con catro casas do maior xa podemos ofrecer o mesmo servizo que nun centro de día de 20 prazas, e facelo máis preto da residencia habitual dos veciños e veciñas que precisen do servizo, polo que pensamos que vai ser máis beneficioso para todos”, dixo Manuel Taboada no pleno en resposta a unha pregunta formulada polo grupo socialista.