O Concello de Padrón felicita o autor pola calidade da obra galardoada e agradece a alta participación nun certame plenamente consolidado, que rende homenaxe ao legado literario de Camilo José Cela e á súa estreita vinculación co municipio. O galardón está dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa.
“Inmensamente feliz e agradecido”
Tras coñecer o fallo, o gañador asegurou sentirse “inmensamente feliz e agradecido” por recibir o XXXV Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa. “É un verdadeiro honor inscribir o meu nome na historia dun certame tan prestixioso. Quero dar as grazas, en primeiro lugar, ao Concello de Padrón polo seu compromiso inquebrantable coa cultura e por manter vivo este premio ano tras ano. Do mesmo xeito, agradezo sinceramente aos membros do xurado a súa lectura atenta e a súa valoración do meu traballo”, afirmou.
O autor, vigués de nacemento e enxeñeiro industrial de profesión, pero cunha sólida e premiada traxectoria literaria, explicou que A lingua dos ósos ten “un significado dobre e moi especial”. “Este relato nace directamente dunha experiencia vital persoal, xa que compartín moitas horas do meu traballo con compañeiros e compañeiros serbios. Foi un período que acaba de rematar e que me marcou profundamente e me fixo collerlle un cariño inmenso a esa terra e á súa xente. Por iso sentín a necesidade de escribir sobre a súa realidade, con menos diferenzas e moitas máis similitudes das que nos poida parecer nun principio”, detallou.
Fernández Davila, que suma máis de corenta galardóns en narrativa e poesía, destacou que este premio supón “un impulso marabilloso para seguir escribindo sobre eses lugares de encontro” descubertos ao longo da súa vida profesional fóra de Galicia.