Segundo o músico, esta falta de cobertura prexudica especialmente aos artistas galegos que loitan por visibilidade nun mercado dominado por tendencias externas. «Afortunadamente, en radios como esta (Radio Líder Santiago) aínda podemos escoitar bandas locais», engadiu.
Manter unha banda durante case 30 anos non é tarefa doada. «Non tiñamos nin idea de que iamos durar tanto», confesou Xan. «Non temos un plan fixo, imos deixando que as cousas nos leven. Pasámolo ben no ensaio, e iso é fundamental».
Sobre a clave do seu éxito, Vituco e Xan resúmeno así: «O bo de Ruxe Ruxe é que nunca fomos un grupo de moda, e iso é unha sorte, por eso seguimos ruxindo 30 anos despois».

A banda está actualmente de xira por Galicia, con concertos en Ferrol, Boiro, Cambados, Lugo e Melide, entre outras vilas. A súa actuación en Casa das Crechas en Santiago este 31 de xaneiro e 1 de febreiro esgotou as entradas en cuestión de días, demostrando que o seu público segue fiel tras case tres décadas.
E sobre o 30 aniversario en 2026, lanzan unha incógnita: «Algo faremos, quizais un novo disco, un concerto especial… ou tocar na Catedral cun piano de cristal!», bromearon.
O que está claro é que Ruxe Ruxe segue con forza, co galego por bandeira e o rock como esencia. Seguiremos escoitando os seus rugidos moitos anos máis!
Tes a entrevista completa no seguinte enlace.