Ademais, o líder popular remarcou que “falan de clamor social e volven a retratarse como uns malos gobernantes, con políticas letais para Santiago, non se pode gobernar en base a supostos clamores sociais, iso só o fan ás repúblicas bananeiras, hai que gobernar construíndo consensos e buscando o interese público”.
Insistiu en que os nacionalistas falan de clamor social, pero “clamor social é o despilfarro en asesores e altos cargos do goberno máis caro da historia de Compostela, ou que ningún concelleiro ou alcaldesa do BNG asuma responsabilidades por desfacer a praza do Obradoiro, a pesar dun informe negativo de patrimonio; ou que nun ano de goberno, o BNG teña a xestión económica en colapso técnico, multiplicando por dúas as facturas pendentes de pago cerca dos 20 millóns de euros”.
“A terceira cuestión que lle pediamos para traballar nesa taxa de cidade, dixo, era a xustificación desa masificación e preguntámonos: pode haber masificación, cando os hoteis están ao 60 % de ocupación de media anual?” e preguntouse: “a presión puntual dos visitantes, en determinados días, sitios e horas, non será consecuencia dos excursionistas?, por que non hai, polo tanto, unha taxa para excursionistas, cuxa implantación depende única e exclusivamente do Concello?”.
“Se eu fose alcalde, indicou, a taxa sobre excursionistas estaría xa aplicada e, en lugar diso, volvemos a presentar o mesmo informe que o ano pasado, porque chega o verán e non fixemos nada, pero hai que dar noticias”, remarcou.
Borja Verea destacou que “a incompetencia do BNG vai en camiño de converter unha oportunidade de todos e para todos, nun novo fracaso colectivo, estamos ante unha taxa do BNG que pensa máis nos seus intereses partidistas que nos colectivos”.
Danos na praza do Obradoiro
Durante a súa intervención o popular tamén fixo referencia aos danos na praza do Obradoiro, situación que calificou como “extremadamente grave, onde hai responsabilidade política e xurídica dos concelleiros do BNG e onde dúas institucións tan importantes como o Valedor do Pobo e a Xunta de Galicia acaban de abrir dilixencias contra o Concello de Santiago”.
Lembrou que antes de comezar as festas da Ascensión, os nacionalistas recoñecían que había un informe de patrimonio que prohibía as actuacións previstas no Obradoiro con tráileres de 40 toneladas, “supoñemos que se o informe era desfavorable é que se prevía que se xeraran danos”.
Por todo isto, Verea reiterou a súa petición de “que se faga público o informe de patrimonio, xa que, tras as actuacións, foron visibles, durante moitos meses, importantes danos xusto na zona onde se instalaron estes grandes vehículos”. Ademais, hai poucas semanas, coñecíamos a existencia de importantes fendas xusto debaixo de onde se ubicaron os grandes tráileres, nos baños públicos.