Precisamente, ese espírito colaborativo foi un dos puntos máis destacados da conversa. A escena musical galega actual caracterízase pola súa transversalidade, con artistas de diferentes estilos e xeracións que traballan conxuntamente. “Hai unha especie de cooperativa, axudámonos uns a outros e iso mola moito”, sinalaron, incidindo na importancia de construír un ecosistema sólido no que o éxito dun repercute no crecemento colectivo.
Mais se hai un elemento que define este momento é, sen dúbida, a normalización do galego como lingua vehicular da música. Lonxe dos prexuízos do pasado, os artistas coincidiron en que a elección do idioma xa non supón un dilema: “Agora xa non nos plantexamos se facer as cousas en galego ou en castelán”, afirmou Ortiga con rotundidade. Pola súa banda, Kike Varela reforzou esta idea apelando á naturalidade: “Se unha persoa fala galego, o normal é que cree en galego, como fan os franceses ou os italianos”.
Este cambio de paradigma non só afecta aos artistas galegofalantes, senón que tamén está a influír en creadores doutros ámbitos lingüísticos. Segundo explicaron, cada vez é máis habitual que músicos que antes apostaban polo castelán se acheguen ao galego atraídos polo seu momento de esplendor. “Hai xente que estaba facendo música en castelán e agora está empezando a facela en galego”, apuntaron, evidenciando unha tendencia que reforza a proxección do idioma.
Outro dos aspectos abordados foi a conexión coa mocidade, especialmente nun contexto no que o uso do galego entre adolescentes xerou debate nos últimos anos. Ambos artistas recoñeceron que esta franxa de idade sempre presenta dificultades, pero amosáronse optimistas: “O galego só é posible aquí e é un rasgo identitario moi poderoso”, destacou Ortiga, defendendo a importancia de transmitilo ás novas xeracións a través da música.
A conversa tamén derivou cara á análise da escena actual, na que nomes emerxentes conviven con artistas consolidados, configurando un panorama diverso e dinámico. “Está saíndo moitísima xente con talento agora mesmo”, aseguraron, mencionando o potencial dunha xeración que está a redefinir os códigos da música en Galicia. Neste sentido, non dubidaron en afirmar que sería posible organizar festivais integramente en galego cun cartel competitivo e atractivo, algo impensable hai apenas uns anos.