Héctor Galán, pola súa banda, expresou a súa gratitude: “Agradezo a Raúl e ao Consello de Administración a confianza que puxeron en min. Son consciente de onde veño e a responsabilidade que temos. Nun ano espero que esteamos aquí cumprindo obxectivos”.
Explicou, o novo director xeral, que “a imaxe que se percibe dende fóra do club é admirable. O Obradoiro fixo cousas moi boas. Agora temos que coller o bo e mellorar o que non se fixo tan ben. Estou feliz, encantado e moi ilusionado na cidade”.
Augurou unha tempada 2024-2025 na que o Monbus Obradoiro será importante: “A liga LEB é unha liga fantástica. Ten equipazos. Nós seremos un deses. Como cando baixaron equipos históricos do baloncesto español. Haberá que facelo ben e considerar o obxectivo de regresar este ano. Agora toca adaptar o club a unha liga distinta”.
Héctor Galán sinalou cales serán as súas liñas para conformar o equipo da vindeira tempada: “Temos que facer unha plantilla que entenda e coñeza a LEB, que domine a competición e que permita gañar partidos. Teremos que engadir outros xogadores dun nivel superior para poder redondear unha boa plantilla”.
Aínda así, espera que a xente que encheu a Caldeira, volva responder: “A afección do Obradoiro foi unha parte fundamental. O último partido de liga aquí foi espectacular. Ten que sentirse parte da volta. Ademais, verán unha gran liga. Non só hai espectáculo na liga ACB. Iso si, teñen que ser conscientes de que se perderán partidos. Non será unha tempada de 34-0. Estou seguro de que poderemos contar cos afeccionados”.