Un proxecto en galego
Un dos aspectos máis destacados da súa proposta é que aposta pola música en galego. «O galego mola. Eu nací nunha familia castelanfalante, pero o galego foi a lingua do Xabarín Club, de Shin chan, do Detective Conan… e iso marcoume», contou. Para el, a lingua non é un obstáculo senón unha ferramenta que lle permite conectar co seu público de maneira auténtica.
Filloas destaca ademais o bo momento que vive a música en galego. «Hoxe en día, os festivais contan con moitos artistas galegos e hai grupos que enchen salas en Madrid. Nunca houbo tanto público para a nosa música», asegurou.
O artista está inmerso nunha xira de concertos onde defende o seu novo traballo con moita enerxía sobre o escenario. «A nosa música é super de festa, moi rápida, e en directo creamos unha conexión brutal co público», explicou.
Non está só no escenario, xa que conta coa compañeira Paula Ferraz, que se encarga de guitarras, síntese e bases. «Ela é unha máquina. Ademais de tocar, ten un carisma enorme, e nos momentos nos que eu me calo, ela mantén ao público arriba», destacou.
As letras de Filloas combinan retranca, referencias á cultura friki e reflexións profundas. Un exemplo é o seu tema «22 Minutos», a primeira canción de amor que compuxo. «Escoitando a letra, parece que falo de videoxogos e anime, pero o amor está de fondo», explicaba.