O evento estivo presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío @konachadas e Rodri Míguez @rodrimiguez97, e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. Asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e concelleiros/as dos grupos municipais da Corporación municipal.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “hoxe máis que nunca quero facer fincapé no papel crucial que xogamos, non só as administracións, todos e cada un de nós na conservación e na defenda do noso idioma. Na cultura reside a identidade dos pobos e, sen dúbida, a lingua é ese elemento diferenciador que nos fai únicos. Eu quero que sigamos sendo únicos moitos anos máis: normativo, con gheada, con seseo, con castelanismos… Da igual, pero sempre en galego”.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, dixo “este ano en especial, cónstame que houbo aínda máis nivel que nos anos anteriores, polo que o xurado non o tivo nada fácil. Contamos con 39 pezas audiovisuais, presentadas por arredor de 80 mozos e mozas de Ames es outras localidades como Lugo ou Vilagarcía, e todas diferentes entre si, pola súa temática, pero con un punto en común, que é o galego. Esa lingua, que fai un mes coñeciamos que por primeira vez na historia non é a máis falada en Galicia. E é por iso polo que estamos hoxe aquí, porque as administracións debemos darnos conta de que temos ferramentas para mudar o rumbo”.
Participación no certame
Entre as 39 pezas audiovisuais, presentadas por arredor de 80 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, repartíronse seis premios de 300 euros, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 10 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos de 18 a 35 anos) houbo 29 vídeos admitidos.