O alcalde de Ames, Blas García, explica que “se están analizando novas posibilidades de desenvolvemento industrial en Bertamiráns, a través dun cambio nunha delimitación do Plan sectorial. Para levar a cambio esa modificación, o Concello presentará unha proposta coa nova delimitación acompañada da correspondente análise de viabilidade para a proxección deste polígono”.
O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, pon o foco na negociación coa Xunta para crear un novo polígono empresarial en Bertamiráns. “Ames é un concello moi puxante, ten moita demanda de parcelas e de solo empresarial. Singularmente, a zona de Bertamiráns é de interese para moitos empresarios e empresarias, e non ten neste momento ningunha oferta de solo público. Nese sentido, búscase a creación dun polígono que se sitúe xunto á rotonda que leva á estrada de Negreira, no lugar de Caroubáns, que teña conexión directa coa autovía que leva a Brión”.
Relación de empresas interesadas
Por outra banda, o Concello vén de publicar un impreso para que as empresas, que queiran dispor de terreo no futuro polígono, acheguen información sobre a superficie que estarían interesadas en ocupar e outros datos de interese para o Concello. Con dita información crearase unha relación de empresas interesadas. Nos últimos meses varias empresas mostraron interese en dispor de parcelas no futuro parque empresarial de Bertamiráns, por iso o Concello quere ter unha previsión das empresas que se instalarían neste polígono.
Tal e como se recolle na imaxe que acompaña a esta nova, a superficie que se pretende destinar ao futuro parque empresarial de Bertamiráns é a que está delimitada polas liñas de cor azul e maxenta.