O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Concurso de decoración de Samaín, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Promoción Económica para fomentar o comercio local de Ames e que gozou dunha gan acollida na súa estrea o ano pasado entre comerciantes e consumidores.
Este concurso naceu a raíz da petición dos propios propietarios/as dos establecementos comerciais que foran galardoados no concurso de decoración de Nadal. Deste xeito, solicitaron organizar máis iniciativas deste tipo para fomentar que a veciñanza visite e merque no comercio local.
Á presentación asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; un dos membros do xurado e cofundadora da empresa Marxe A+T, Natalia Alvaredo, e dous representantes de Protección Civil de Ames, Carlos Sendiña Pintos e Carlos Sendiña Nadal.
Abriu o acto a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, subliñou que “animo a participar a todos os establecementos posibles nesta iniciativa que pretende dinamizar o noso comercio e hostalería local, pois é unha atracción para atraer a posibles clientes. A xente achégase a ver os escaparates decorados e mesmo bota unha ollada por dentro do establecemento, o que é un incentivo para poder mercar.”
Pola súa banda, un dos membros do xurado e cofundadora da empresa Marxe A+T, Natalia Alvaredo, explicou que “os criterios que se valorarán por parte do xurado serán o desexo ou atracción de compra, a orixinalidade e a composición, o emprego dos propios produtos do comercio ou tenda e o fomento da sostibilidade, empregando por exemplo produtos reciclados na decoración”.