Xan Duro salientou tamén que se produciron 15 rescates en elevadores ao longo da mañá e que o Servizo de Extinción de Incendios acudiu á praza de Fonseca, á Raíña e ao Porto de Conxo para prestar servizos autónomos da rede eléctrica aos sistemas de evacuación de auga.
Servizos básicos
A alcaldesa tamén salientou que “o abastecemento non se suspendeu en ningún momento, aínda que se acordou reducir a presión do sistema para alongar a dispoñibilidade de auga nos depósitos”.
No servizo de recollida de lixo, as illas de quita e pon quedaron instaladas durante toda a noite e retiráronse a partir das 11 h da mañá. Segundo indicou o edil de Servizos Básicos, “a razón foi a imposibilidade de recargar os vehículos eléctricos tractores”. Xesús Domínguez tamén indicou que se tomaron medidas excepcionais para garantir a dispoñibilidade de todos os vehículos de recollida, baleirando durante a tarde a súa carga en Sogama.
Así mesmo, incorporáronse dous camións de gasóleo, de reserva, que permitiron recoller unha parte significativa da cidade ante a imposibilidade de garantir a recarga dos vehículos eléctricos e de gas natural comprimido.
Suspendeuse o varrido das rúas porque non se podía operar pola falta de luz pero “este persoal reforzou a recollida”. O concelleiro subliñou que como resultado do operativo “completouse a recollida de toda a carga lateral e prestouse o servizo na zona monumental”.
Só quedou pendente, indicou o edil, a recollida no servizo de carga traseira nalgúns puntos da cidade (zona de San Caetano, rúa de Blanco Amor, rúa de Otero Pedrayo, rúa de Teo, rúa de Arzúa, rúa de Xoán XXIII, rúa do Burgo das Nacións, rúa de Vísta Alegre, rúa de Torreira, rúa do Home Santo, rúa do Espírito Santo, rúa de San Pedro, rúa do Medio, rúa do Forno, rúa das Fraguas, Belvís, Seminario Menor e Campo de Santo Antonio), aínda que a concesionaria xa estaba traballando na resolución da incidencia.
Outros servizos
A rexedora tamén lembrou que “as escolas infantís de xestión municipal están abertas no horario habitual e co servizo de comida, aínda que pode haber que realizar algún cambio de menú”.
En definitiva, resumíu Sanmartín, “foi unha noite relativamente tranquila nunha situación de emerxencia que nunca antes vivimos” que fixo “moi evidente a gran dependencia que temos da electricidade e das redes globais, tanto de enerxía como de comunicación”.
Esta situación, indicou, “ponnos fronte a reflexións importantes sobre o xeito que habitar o planeta e de comportanos como sociedade” e sinalou a importancia das redes locais e do autoabastecemento: “vimos como a xente partillaba alimentos e pensamos que importante é ter unha produción de proximidade que garanta a soberanía alimentaria. Vimos que, sendo Galicia un país produtor de enerxía, temos unha, cando menos, estraña dependencia e pouca capacidade para o autoabastecemento. Vimos que é necesario sistemas de comunicación redundantes, que non só dependan de Intenet, e que o máis importante son as persoas”.