Tamén apostou por reforzar os servizos e equipamentos públicos coa construción dunha piscina olímpica en Santa Marta con pavillón multideporte, a creación dunha cidade do fútbol en San Lázaro, a implantación dunha rede de conciliación con madrugadores, comedores e actividades extraescolares, e un modelo de cociñas propias nas escolas fronte ao sistema de cátering centralizado. A estas medidas sumou a creación de parques infantís cubertos, un plan específico para dignificar o rural, novos aparcadoiros en puntos clave como o Campus Sur e Belvís, así como a instalación de cámaras de videovixilancia e o reforzo da Policía Local.
No ámbito do mantemento urbano, Verea defendeu un plan intensivo de mellora de viarios e beirarrúas, unha intervención integral no Refuxio de Bando e un plan de choque para a limpeza da cidade, denunciando que “Santiago está máis sucio, máis inseguro e máis abandonado que nunca”.
O líder popular criticou tamén que os orzamentos presentados sexan “os que máis impostos e multas recollen e, ao mesmo tempo, os que menos investimento contemplan”, cualificando esta situación de “misterio” e advertindo de que “se está a asaltar o peto dos santiagueses mentres se reducen ao mínimo as actuacións necesarias para a cidade”.
Ademais, fixo referencia ás advertencias dos servizos técnicos municipais, que, segundo indicou, cualifican as previsións de ingresos como “irrealistas”, chegando a definilas como “de fantasía”, o que, ao seu xuízo, “xera unha enorme preocupación sobre a viabilidade real destas contas”.
Verea responsabilizou directamente ao BNG, CA e PSOE da situación actual da cidade, asegurando que “son os tres culpables da decadencia acelerada de Santiago”, e enumerou problemas como o aumento da criminalidade, o deterioro da limpeza, a crise da vivenda, o estado dos viarios, a caída do turismo ou a elevada morosidade municipal.