Verea destacou que a primeira desas medidas sería “bonificar ou baixarlle o IBI aos propietarios que poñan o seu piso en aluguer, acrediten prezos asumibles e un contrato de longa duración, todo isto dentro dun programa municipal que permite a Lei de Facendas locais, xa que cremos que é una medida máis incentivadora e que ten máis capacidade de mobilizar que, simplemente, subir o IBI”.
Ademais, explicou o líder popular “queremos subvencionar á rehabilitación a cambio de aluguer, é dicir, como Administración local axudar aos propietarios para que rehabiliten as súas vivendas e as poñan en aluguer cun prezo asequible e a longo prazo; tamén propoñemos un Banco Público de Vivenda, algo que xa repetimos en numerosas ocasións, onde o Concello actúe como garante das rendas, creando fogares accesibles, co que se lle daría seguridade aos propietarios”.
Outra das medidas sería permitir a conversión de baixos en vivendas, empezando por zonas como Conxo e Santa Marta, “onde hai locais que levan máis de 20 anos sen actividade”. “En vez de baixos baleiros -reiterou-, teríamos vivendas, creo que é a maneira de mobilizar, o mesmo que priorizar licenzas de obra e de rehabilitación de vivendas antigas”.
“Polo tanto- indicou Verea-, queda claro que o meu obxectivo é demostrar que existen dúas maneiras de gobernar: a de BNG, CA e PSOE, que defenden un xeito de gobernar que levan facendo dende hai dez anos: castigar, prohibir, sancionar e subir impostos, mentres que nós propoñemos outro modelo, que é: baixar impostos, premiar, incentivar e axudar”.
O líder popular tamén se pregunta, como o resto dos veciños e veciñas de Santiago, “para que queren recadar máis, cando non son capaces de gastar o que teñen, cantos máis impostos cobran, peor funciona a cidade”.